Karlotti

Karlotti, un poema crónico / Marcos Lorenzo
Volume 1 da Colección Vividores
224 páxinas / Prezo: 14€
A serie «Vividores» pretende atopar as claves para acadar unha «vida boa» —considerada esta como un saber e unha arte— a través da creación de «historias de vida», elaboradas desde a indagación nas biografías e peripecias dunha galería de personaxes consideradas polo autor como claros expoñentes da categoría sublime do «vividor». Desprovista de calquera tentación teórica, «Vividores» persegue estimular a curiosidade sobre a vida dos nosos iguais para, desde aí, establecer un diálogo reflexivo do que resulte un coñecemento común. Aprendemos do outro e co outro porque, na materia do «vivir», o experto pode ser calquera. Marcos Lorenzo elixe, nesta ocasión, a Juan Carlos Valle, «Karlotti», para ensaiar e reflexionar sobre a cuestión do «bo vivir» e das outras prácticas de vida. Karlotti naceu a primeira vez en Maside (Lugo). Posteriormente renacería en tantas ocasións como episodios iniciáticos adornan a súa intensa biografía. Poeta, viaxeiro e axitador tabernario, sempre na órbita dunha vangarda lúcida e militante, abrazou a esencia da vida descalza e libérrima, escorréndose de todos aqueles estamentos sociais que o quixeron domesticar (familia, traballo, policía, España). Froito da súa constante experimentación vital, artellou movementos políticos e literarios en León e Valladolid, percorreu unha imaxinaria «ruta da seda» até India durante dous anos de deriva psicoxeográfica, montou bares alternativos trenzados a base de jazz, poesía e amizade («El Cafetín», «El Farolito»), e plasmou unha pequena parte da súa aprendizaxe en revistas e libros colectivos, máis ao concreto no seu poemario persoal Todos los jueves salvo la luna (1983). A maior parte da sabedoría destilada pola vivencia radical de Karlotti permanece inédita. Esperamos que este libro achegue ao público unha das personalidades máis singulares e fascinantes do underground ibérico. E aprendamos xeitos alternativos de camiñar no mundo.