Zoopolitik

O libro Zoopolitik, Reinvención democrática & política de movemento, é o último proxecto da Universidade Invisíbel, a rede de activistas, investigadores e creativos galegos afincada n’A Coruña. Zoopolitik é unha análise interdisciplinar do #15M redactada por catro dos seus membros: o antropólogo Antón Fernández de Rota, o tamén antropólogo Carlos Diz, o sociólogo Martín Cebreiro e o filósofo e blogger Rosendo González, todos eles especializados no estudo da cultura política e os novos movementos sociais.

O eixo do libro é a conceptualización e a interpretación histórica do que os autores chaman “modos de vida”. Consideran que para comprender o que aconteceu dende a Primavera Árabe até o Occupy Wall Street, pasando polo #15M, é preciso atender ás transformacións da vida cotiá no último medio século. Do mesmo xeito, para pensar as mutacións do vello animal político, Zoopolitik non dubida en botar man das Ciencias da Vida e a Filosofía e Socioloxía da Ciencia para dar conta do seu modo de vivir en rede, e dar forma así a unha sorte de “bestiario da disidencia”.

Por outra banda, en consonancia coas formas 2.0 que caracterizan as prácticas organizativas e deliberativas d@s indignad@s, a escrita do libro proponse como un ensaio ou experimentación coa produción textual aberta e colaborativa. No website desta iniciativa, www.zoopolitik.com, van ir aparecendo os epígrafes e capítulos, ofrecidos aos cibernautas para propiciar debates e recombinacións das ideas e dos seus contidos. Fronte ao berro Steal this Book!, co que a Abbie Hoffman e os Yippies dos anos 60 protestaban en contra das dinámicas da industria cultural, a Universidade Invisíbel aposta por unha transformación na produción e divulgación dos saberes e a cultura resumida na consigna Write and Share this Book!

En Zoopolitik, a experimentación con formas participativas de escrita vai acompañada por unha crítica da figura do copy right e a privatización dos saberes, materializada na licencia creative commons que acompaña o libro. Esta reivindicación do “dereito a compartir” é a mesma que facemos nós, Axóuxere, reponsábeis da súa edición en galego.

 

Ver PDF Ir á Web