Como todo navegante, nós crecemos a medida en que coñecemos, experimentamos e vivimos as descubertas. É por iso que nos movemos nun océano mitolóxico amplo, aberto, e onde a cada singradura recollemos novos tesouros, illas que aínda non observáramos e que ao ser enxergadas entran a formar parte do noso arquipélago integrado e sempre en formación, como a terra que nos dá ao mundo.
Sulcamos un mar guiados por Calíope, a da fermosa voz, que nos trae cantos deixados por outros; tamén Clío, que nos achega lentes diversas con que ollar o lugar do tempo que habitamos. Euterpe, gorentosa, tráenos aires frescos doutras terras e linguas na súa frauta; e Polimnia incitándonos á procura do canto tecido por múltiples voces nunha. Outras, Erato, Terpsícore, Melpómene, Talía e, ao lonxe, Urania, que sinalan novas rutas aínda non enxergadas. E, no entanto, vamos facendo noite nesta Sacra Ribeira, aloumiñados por xacias que convidan ao encontro co profundo do noso río interior; procuramos, remeiros do inestábel bote da consciencia, no máis íntimo de nós á silandeira Dama Caliela, no máis fondo dos nosos soños, na arela máis íntima, xunta o máxico ovo que os celtas procuraban nos dominios insondábeis de Morfeo. E alí, rendidos ao descoñecido, entregados, descansamos. O silencio acontece, preámbulo de alborada clara. Acordamos ao tempo cun rítmico son que nos mexe de lonxe… axóuxere que nos trae á realidade dun novo mencer.