Como a nosa identidade, o noso nacemento e historia son elementos de difícil precisión. Certa é unha cousa: a nosa presenza. E nela tracexamos, unindo os puntos na ollada cara a atrás, o sentido que nos botou ao mundo. O debuxo é curvoso, caprichoso, por veces enrevirichado. Nos recunchos da traxectoria atopamos estacións de paso, caladoiros creativos que emerxeron en espazos e tempos diversos. Translittera, xornadas de novas linguaxes poéticas, un ámbito de desenvolvemento cultural e creativo interactivo, foi un espazo de investigación que naceu da nosa raíz e se viabilizou a través do Consello da Cultura Galega. A corrente que achegou segue a latexar nas nosas veas. Espacio, tamén xurdido da mesma raíz e articulado a través da Fundación Granell, abriu un ámbito de liberdade e soño creativo comunitario que perdurou no tempo e del retomamos a súa forza e frescura. El almadiero, revista de arte, pensamento e creación, mostrounos desde a cidade de Oaxaca (Máxico) rutas do alén mar cuxas cartas gardamos na gaveta para refiar tecendo novos destinos. Finalmente, a UNIAT (Universidade Aberta do Atlántico) foi o primeiro enclave onde emerxemos, xunto a outros tantos, como fluxo autoconsciente, como fonte vertebradora e canalizadora de sentidos creativos e vehiculizadora de cultura autotransformativa.
En moitos outros caladoiros de aquí e acolá estivemos e aprendimos, ás veces con dureza, outras con dozura, mais sempre con paixón, que aínda que as rutas son moitas un só é o camiño.