Axóuxere é un proceso definido por un conxunto de creadores galegos independentes de todo forma ou dominio institucional. Inicialmente definidos como pensadores dunha nova orde configurativa do social, entendemos co paso do tempo que só somos mediadores. Mediadores dun xogo que provén de longo tempo pasado e do que nós temos constancia a través de todas as insurxencias que a través do tempo se foron definindo como novas aproximacións ao mundo, coma novos modelos de existencia ou acontecementos que, de modo solapado, transformaron o mundo, o real.
Non somos singulares, máis ca outros, máis ca aqueles que traballan o pensamento e se adican á edición ou ao pensar colectivo, ou ben a aqueles que pensan na convivencialidade como medio de subsistencia nun tempo que parece apocalíptico.
Hai, sen embargo, en nós, unha particularidade: nós non temos dominio fixo. Non cremos en ningunha instancia nomeadamente particular de sentido máis alá que a do nome rexional e formativo que cada un lle dá ao seu propio anceio, desexo ou busca; non somos porén nominalistas, é dicir, non cremos nas máscaras nin nos rostros fixos, definidos, escurecidos pola larga ausencia do principio creativo orixinario. Cremos, iso si, en que somos moitos e que a actitude é moi importante para acadar unha comprensión do real o suficientemente aberta como para poder cambialo. Por iso nos enfocamos no social coma orixe do noso inquedarnos permanente sobre as conformacións que, a día de hoxe, e dende sempre, foron a primeira palabra que constrúe o real, esas palabras que semellan provir da orixe e que responden a un patrón de danza que, aparentemente, non ten orde pero que, descoñecida dende a materia mesma, parece dicirnos que todo se artella arredor dun xogo. Din os hindúes que a palabra primitiva foi “xogade” e non meramente “sede”, tal vez por iso a nosa idea do real é a do xogo, porque aí, nese ámbito mixto donde todo se dá, a apariencia e o importante (o que nos fixeron crer como importante) desaparece na face burlesca de Dionisos, no riso có(s)mico que arredondea o fértil espacio nutriz do real e nos fai, definitivamente, navegar.