Cousas

O Procomún

XERALMENTE concebimos a relación económica como algo que devén cunha serie de valores implícitos de carácter sempre capitalistas; é dicir, pensamos a relación económica como unha relación de produción, e tamén de dependencia entre uns produtores e aqueles que reciben o ben desa produción. A fundamentación do capitalismo artéllase nesta estraña converxencia entre a «acumulación» e a «propiedade privada»: a produción de propiedades privadas que se vertebran dende a acumulación (de medios, obxectos, ideas, etc.) Constantemente pensamos que algo que pretenda ser empresarial, crear riqueza económica ten que pasar polo filtro desta maneira dependencial, xerárquica e desigual. Pero hai outras maneiras de facer e crear posibles, nunha rede cívica, nunha rede social. Hai exemplos de crear outras formas de relación económica en proxectos como Kiva, ou nos proxectos de Bancas Éticas, como Fiare. Pero hai tamén outras formas no medio desta sociedade tan intensamente consumista e hiperproductiva; formas nas que o principio da acumulación de capital non se dá; formas que entenden o fluxo de enerxías que producen o capital como parte dunha comunidade, dun «común», que debe ser xestionado de modo horizontal, e emerxente, por un colectivo que «pon en común» todos os recursos cos que conta, estabelecendo relacións de co-produción non instrumentalizadas pola regras de xestión económica acumulativa (na que uns controlan o fluxo do capital e outros padecen ese fluxo de capital mal controlado).

A idea do «procomún» deriva das reflexións da economista e politóloga estadounidense Elinor Ostrom, laureada co Premio Nobel de Economía no ano 2009, que traballou sobre os «common pool resources» (recursos de uso común). O «procomún» pódese entender como unha interconexión sostible e equilibrada entre un recurso (material, non material), unha comunidade (física, virtual) e unhas regras que xestionan ese recurso. A idea do «procomún» estabelece a propiedade (se podemos falar dela) como un algo «comunal», facendo que esa «propiedade» sexa, sempre, autosustentábel e non algo do que se abusa, sendo esgotada, por unha forma desproporcionada de xestión de recursos; como adoitan ser as maneiras que deletrean as grandes multinacionais ou empresas que manteñen o seu intento de mercado en base a un descontrol, a un descoidado do medio e a unha explotación das persoas implícitas no proceso: empresas fundamentadas na «querencia acumulativa e privativa de capital». O modo de pensar o «procomún» leva a visualizar que as propostas que se fan extensíbeis a unha comunidade (que xestiona á súa vez esas propostas) son creadoras de socialidade, artelladoras de espazos-tempos creativos, vertebradoras de mundos.

YProductions (grupo de produción cultural catalán) xunto con Medialab-Prado (Madrid) desenvolveron un taller de investigación sobre Empresas do Procomún, no mes de Novembro do 2010. Alí déronse cita dende pensadores ou empresarios até proxectos autoxestionados que buscan unha forma de orientar a súa construción en base á satisfación comunitaria e non ao interese privado e lucrativo. Podes ver pinchando aquí a web onde están todos os videos, moi interesantes, a través do cales poderás ver outras dimensións do que se pode facer. E, sobre todo, do que se pode facer para non caer nos mesmos vicios do pasado.

Medialab-Prado de fai tempo desenvolve un Laboratorio do Procomún donde se investigan as implicacións deste concepto en novas formas de relación co medio, e sobre todo en maneiras novas de descifrar os códigos que constrúen esas realidades (dende as naturais, coma terra ou vento até artificiais, como o coñecemento ou internet). Neste laboratorio, Empresas del Procomún presentou, na man de YProductions, un resumo da idea central do «Procomún», no mes de Abril deste ano. O video a continuación é o rexistro dese evento.

Hai outras formas de xestionar non só o patrimonio imposible de controlar de modo absoluto (coma os recursos naturais do vento, da auga, a propia terra) senón tamén todo aquilo que producimos e construimos (libros, videos, músicas, internet, discursos, coñecementos). Isto fai pensar en que se tal vez cambiásemos o modelo de actuación sobre o medio, se cambiásemos a maneira de entender o económico e as relacións de produción social e capitalista, se cambiásemos iso e pegásemos un xiro brutal na maneira de entender as cousas, poderíanse crear novas formas de relación non tan desiguais e tan desproporcioandas como as que os gobernos do mundo (centrados na súa autocompracencia) están a crear. Vexamos pois novos futuros para o «procomún» ao que nós sempre pertenceremos, a pesar do tempo e da parálise dos sistemas anticuados de xestión social. Asistimos, certamente, neste inicio de século, a unha mutación fundamental no paradigma humano. E debemos seguir esa liña até o final. Ou esmorecer nos vellos modos.

O último número da Revista Grial (Maio 2011, Vigo) tamén aborda este tema, baixo o título «Valar o Común?», con artigos de ensaistas como Daniel Fernández ou Amador Fernández-Savater. Altamente recomendábel.

3 Comentarios

  • Lurdes

    1

    Por fin, llegáis al tema...

    • Elías

      2

      Que queres dicir con iso? A que te refires con "llegáis al tema"? Apertiñas.

      • Lurdes

        3

        Que por ahí es por donde hay que seguir... No hay otra alternativa en este tiempo loco de consumo y voracidad rampante. A eso me refiero.

Deixa un comentario

Os campos marcados cun * son necesarios

 Cancel Reply