Calíope

Calíope / Colección de Literatura.

Formato Medio: 120 x 170 mm.
Extensión Aproximada: 250 pxs. libro.

Abrir un espazo editorial para os xéneros que -mesturándose ou non entre eles- propoñan horizontes de lectura, de pensamento e de experiencia nos que o concepto non necesariamente estea presente. Desde narrativa até poesía, pasando por ensaísticas autobiográficas ou dramas do absurdo; desde escritas desenvolvidas por creadores galegos, a traducións doutras linguas ao galego ou portugués.

NA ANTIGÜIDADE a musa Calíope estaba asociada co canto fermoso, coa voz viva e fértil. Dicíase que até incluso era considerada, a modo de xuíza cabal, na resolución de certos conflitos que os deuses olímpicos tiñan. Perseguíaa tamén a fama de ser a máis altiva de todas as irmás, de todas as demais musas: dicían que o seu torso reflectía unha certa insondabilidade e que a súa presenza producía o terror característico dos que habitan as lagoas de máis difícil acceso. Talvez por esta razón se chegou a dicir que ela era a nai do escuro Orfeo, e de Linus, outros comentaristas antigos propoñen a hipótese de que fora a enxendradora dos Coribantes, deses enaltecidos Kuretes, frenéticos guerreiros que celebraban o culto de Cibeles bailando, perdendo a noción cabal de orde e sentido común. Sentido común? Posiblemente Calíope sexa a que nos ensina que o sentido común é un artificio. Precisamente por iso a convocamos para que amadriñase a nosa Colección de Literatura, e naturalmente dixo que si, sempre e cando a norma, o estabelecido se rompera baixo o seu paso poderoso. Concordamos con ela, sabendo que sempre leva a bo destino aos seus iniciados. Con ela voaremos nunha singradura na que chegaremos a ver obras de autores galegos, pero tamén de fóra, orixinalmente escritas na nosa lingua ou traducidas a esta. Para nós só quedará, tras o paso delicado pero intenso de Calíope, a aspiración ao deserto puro, á selva febril, ao enredado ámbito do soño furioso.