Elías Portela

A RESIDENCIA DE OUTONO DO 2012 contou, no mes de Outubro, coa presenza do poeta e tradutor Elías Portela (Cangas do Morrazo, 1981), tamén coñecido como poeta en islandés co nome de Elias Knörr. Actualmente reside en Islandia. O seu primeiro libro, escrito en galego, foi Imaxes na Pel (Morgante, 2009). Posteriormente publica, tamén en galego, Cos peitos desenchufados (Barbantesa, 2010), que recibiría o premio Johám de Cangas á Creación Literaria, no ano 2010. Simultanemanete escribe en islandés, e comeza -baixo o anonimato, e co nome de Elias Knörr- a publicar poemas nesa lingua. Os seus poemas aparecen publicados na revista Stína Tímarit um bókmenntir og listir. Na primavera do 2010, a revista británica Poetry Review, referente no mundo da poesía contemporánea, selecciónao como un dos tres poetas máis representativos da lírica actual islandesa, xunto a Sjón e Kári Tulinius. A partir dese momento a súa obra comeza a difundirse de xeito intempestivo. Aínda mantendo o anonimato publica o libro Sjóarinn með morgunhestana undir kjólnum (Stella, Reykjavik, 2010). Tras unha magnífica acollida do público islandés, no mes de novembro dese ano, a editora Stella fai pública a identidade de Elias Knörr. Ese libro foi publicado en galego, traducido polo propio autor, co nome de O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido (Barbantesa, 2011). Realizou recitais ao longo de diversos países, en inglés, italiano, español, etc. Participou no XV Encuentro Internacional de Escritores de Monterrey, en México, no 2011. Paralelamente é tradutor. Ao galego traduciu a novela de Sjón Skugga-Baldur (Rinoceronte, 209) e Anxos do Universo (Rinoceronte, 2006) do novelista Einar Már Gudmundsson. Ao español traduciu a novela La Mujer es una Isla (Alfaguara, 2012), da escritora islandesa Auður Ava Ólafsdóttir. No Concello de Rianxo, dentro da súa estadia residencial, fixo un obradoiro chamado «Divorciando a Poesía» na Biblioteca Pública Castelao, de Rianxo, no mes de Outubro do 2012. Tamén realizou un recital no mesmo lugar o mesmo mes.