Cousas

Recordar Doe

HOXE pola tardiña un dos Axóuxeres foi dar un paseo por un dos bosques cercanos a Rianxo, a onde dicían os vellos que eran levados os que ían ser fusilados, alá cando o tempo da ditadura de Franco. A un de nós o seu bisavó, comunista el, e varias veces sinalado polo réxime para ser asasinado e que, por milagre, saíu dese entorto porque o cura daquel tempo, máis roxo cós roxos, o sacou do punto de mira dos cazadores da ditadura, comentáralle que máis dunha vez (para escarmentalo) os fascistas o levaran ao monte, a punta de pistola, acompañando a outros homes que ían ser fusilados. «Agora non che toca a ti, cabrón, pero vas ver como o cura morra… fodémoste». Devolvíano á casa, pero con esa maldición imposta polos bobos que fachendosos co fusil ameazaban a todos os que non pensaran coma eles. «No fondo, todos o sabiamos, eles eran uns traidores: traizoaran á súa xente, en primeiro lugar, pero fundamentalmente traizoáranse a si mesmos», recordo que dixera o bisavó cando este Axóuxere era pequeno. Palabras que un leva ben gardadas dentro.

Hoxe, despois de ler, na apracible tarde arousá un artigo de Antonio Muñoz Molina, no suplemento «Babelia» de El Pais, sobre o asasinato de Federico García Lorca, camiñou o Axóuxere só, por aquelas fragas, e pensou. Pensou moito, intentando ver a todos aqueles que alí levaban, á forza, apartados da familia. Separados, brutalmente, no medio da noite do seu cálido fogar, para darlles morte. Un pensa, así, en que nivel de mediocridade mental pode a un ser levalo a asasinar cegamente, por ideas, por principios, por forzas virtuais, a un ser humano, a un igual. É difícil de crer, de pensar. Pero, a pesar diso, e tristemente, mentres Occidente clama «reformulacións económicas urxentes» para soster este insostíbel mundo desfragmentado, hai moita xente que (do mesmo xeito que no franquismo) é asasinada, impunemente, só por pensar diferente da corrente principal, do mainstream que se deletrea habitualmente.

Ser humanos é moito máis ca acomodarse a este ou aquel réxime de pensamento, acriticamente; ser humanos é, en primeiro lugar, ser éticos e vivir coa xente, en equilibrio e xusteza. Hai que aprender a ser éticos. Isto é fundamental a día de hoxe.

Deixa un comentario

Os campos marcados cun * son necesarios