Novidades

Tawantinsuyo 5.0

Falaban Leibniz, Huxley, e moitos outros, dese saber común, dese stream que corre por baixo de toda tradición, en calquera lugar do planeta, en calquera cultura, para alén das múltiples formas da diversidade, e ao que se referían como filosofía perenne. Chéganos á Tenda Axóuxere, da man da nosa amiga Paz, un libro no que subxace esa corrente; escrito dende a investigación experiencial do seu autor e esteado sobre a tradición de coñecemento antiguo amazónico.

Tawantinsuyo 5.0 móstranos os piares desa cosmovisión, poñéndoa en contacto con outras tradicións nativas americanas e realizando unha síntese, mediando niso a estensa experiencia do autor, da que emerxe unha forma de espiritualidade enraizada no equilibrio entre os aspectos máis elevados e os máis matéricos da existencia, integrando ciencia, ecoloxía e potencial creativo humano. Como pano de fondo, o traballo no autocoñecemento, a liberación interior e o espertar da consciencia utilizando, entre outras técnicas, plantas de visión de uso tradicional e milenario como a ayahuasca.

Moito poderiamos aprender de nós, aquí, se recuperásemos e afondásemos neses aspectos espallados da tradición galaica —tan rica, creativa e enraizada na terra— como quen se busca a si mesmo.

O diñeiro recadado coa venda deste libro, serve para axudar a manter o proxecto educativo Wiñaypaq,  escola intercultural de educación primaria gratuíta para nenos campesiños, que se integra nun proxecto maior que inclúe un centro de permacultura e un centro de sanación e ensinanza do Camiño Sagrado Americano, que o seu autor, Alonso del Río (Lima, 1962), mantén, xunta súa compañeira Waltraut Stolben, na selva próximo a Cusco, no Perú.

Podedes ver este pequeno documento sobre a escola:

YouTube Preview Image

Deixa un comentario

Os campos marcados cun * son necesarios