Eventos

Márcio-André no Festival Internacional de Poesía de Rotterdam

O noso amigo Márcio-André, co que recentemente publicamos os Ensaios Radioativos, dentro da colección Polimnia/Cadernos de Combate, non para quieto. Logo de Chegar do Fényírás Festival de Budapest, de visitar a Galiza para presentar connosco o seu libro en Compostela e mais en Vigo, e de participar no Festival Internacional de Poesía de Córdoba (Arxentina), prepara agora as malas para o 43rd Poetry International Festival de Rotterdam.

O festival, que se celebra entre os dias 12 e 17 de xuño, é un dos eventos literarios máis antigos do mundo, e o máis prestixiado da Europa. Ten por tradición recibir anualmente algúns dos maiores nomes da poesía mundial. Xa pasaron por alí poetas da envergadura de Pablo Neruda, Octavio Paz, Joseph Brodsky, Seamus Heaney e Anne Carson, entre outros premios Nobel. Acollendo a cada edición cerca de vinte autores, que exhiben os seus traballos a un público igualmente internacional, o evento se mantivo firme ao xuntar, en medio século de existencia, os máis significativos poetas desde a segunda metade do século XX en adiante.

Márcio-André, que leva catro libros editados e foi traducido a máis de dez idiomas, co seu traballo intermedial —no que reúne poesía, pensamento, performance e arte dixital— é a día de hoxe unha das referencias máis interesantes da literatura e da poesía experimental brasileiras.

Coincidirán desta volta no festival Márcio-André e Chus Pato. Que as musas @s acopañen e que a nosa lingua atlántica, a través dos seus poemas, floreza facendo florecer ao mundo.

Teremos, porén, ocasión de ver e escoitar ao Márcio de novo, na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, antes da súa partida.

Deixa un comentario

Os campos marcados cun * son necesarios