COMO TODO NAVEGANTE, nós crecemos a medida en que coñecemos, experimentamos e vivimos as descubertas. É por iso que nos movemos nun océano mitolóxico amplo, aberto, e onde a cada singradura recollemos novos tesouros, illas que aínda non observáramos e que ao ser enxergadas entran a formar parte do noso arquipélago, sempre en formación, como abano dende o que medir o imposíbel.
Gozámonos coas descubertas, si, pero daquelas que nacen dentro de nós coma soños, imaxinacións, visións que van construíndo un territorio (un espazo de despregue) no que abrir as mans para volverse cego á escuridade do mundo, e só albiscar as miríades de luces que sobre nós caen coma xogos.
Sulcamos, deste xeito, o mar guiados por espectros mitolóxicos, por figuras doutro tempo, por arcanos imaxinarios que xa parece que ninguén reclama. A nosa trastenda, como tal vez o foi no seu tempo para Álvaro Cunqueiro, é a trastenda máxica do trasmundo, e por el camiñamos, a pesar de que hoxe en día todos se apunten á lóxica racionalista (¿capitalista?) que pretende facer de todo unha «mercadoría». Por iso nós nadamos con Calíope, a da fermosa voz, a que nos trae os cantos deixados por outros nas ringleiras dos camiños; tamén con Clío, a que nos mostra a celebración do recordo e do ter-presente-sempre o pasado. Euterpe, gorentosa, tráenos aires frescos doutras terras e linguas sibilantes na súa frauta dobre, serpentiforme. E Polimnia incitándonos á procura do misterio da unidade e da multiplicidade (que xa Parménides deixara escrito de xeito portentoso no seu Poema).
Nós indagamos en outras figuras, outros seres, outros mundos.
E pouco a pouco a noite fíase coma pano quedo e profundo. E o noso barqueiro (Caronte constante) introdúcenos paseñinamente polas augas fértiles do Sil, pola Ribeira Sacra, despois de deixar o mar, aloumiñados por xacias que nos convidan a entrar no profundo do río eterno da imaxinación e dos soños. E imos entrando, sabedores diso que alá, embaixo, no reino das xacias habita; deste xeito procuramos -remeiros do inestábel bote da consciencia- no máis íntimo de nós á silandeira Dama Caliela, para que nos garde nese envés no que profundamos. Somos coñecedores tamén de que alá, no fondo deste río eterno que se move lento como a morte, está o ovo céltico das serpes: aquilo ao que Plinio se referiu dicindo que era o máis prezado ben para os druídas. Por iso, mentres a noite se introduce nos ósos, e o barqueiro, e as xacias empurran de nós, tomamos asento no silencio que acontece, neste silencio que é preámbulo da alborada clara. E mentres, mentres todo isto sucede, oímos o son espectral e lúdico dun Axóuxere que canta, sentimental, febril, somnámbulo, dende o máis adentro desta mesta selva na que nos inserimos. Selva na que nos inserimos, delicadamente, con cautela.