COMO A NOSA identidade, o noso nacemento e historia son elementos de difícil precisión. Certa é unha cousa: a nosa presenza. E nela tracexamos, unindo os puntos dunha ollada cara a atrás, o sentido que nos botou ao mundo. O debuxo é curvoso, caprichoso, por veces enrevirichado. Nos recunchos da traxectoria atopamos estacións de paso, caladoiros creativos que emerxeron en espazos e tempos diversos. Translittera, Xornadas de Novas Linguaxes Poéticas (2005), un ámbito de desenvolvemento cultural e creativo, foi un espazo de investigación que naceu da nosa raíz e se viabilizou a través do Consello da Cultura Galega. A corrente que achegou segue a latexar nas nosas veas. Espacio (2000-2002), tamén xurdido da mesma raíz e articulado a través da Fundación Granell, abriu un ámbito de liberdade e soño comunal que perdurou no tempo e do que retomamos a súa forza e frescura. Almadía (2005-2008), mostrounos desde a cidade de Oaxaca (México) rutas desde alén mar cuxas cartas gardamos na gabeta para refiar tecendo novos destinos. Finalmente, a UNIAT (Universidade Autónoma do Atlántico) (2007-2008) foi o primeiro enclave onde emerxemos, xunto a outros tantos, como fluxo consciente, como fonte vertebradora e canalizadora dunha cultura-en-desenvolvemento, nese espazo de investigación no que quixemos, por un tempo, converter Rianxo.
En moitos outros caladoiros de aquí e acolá estivemos e aprendemos, ás veces con dureza, outras con dozura, mais sempre con paixón, que aínda que as rutas son moitas un só é o camiño. E a pesar das moitas posibilidades que trae este, un só é o horizonte que temos como meta: o que nos leva de volta á fonte na que o noso convenio co mundo brota.