A PESAR de que o noso esforzo creativo, na constitución de Axóuxere, se vertebra arredor de varios tópicos (cultura libre, creación colectiva, proxectos comunitarios, arte en fusión de disciplinas, etc.) hai que recoñecer que o noso esforzo primario está na construción dunha Editora. Cremos que en Galiza se fixeron moi abundantes esforzos por desenvolver (dende os tempos da Xeración Nós, das Irmandades da Fala, etc.) moitos proxectos que lle desen á lingua galega e á comunidade implicada nesta toda unha xeira de ferramentas conceptuais, narrativas e poéticas que non só creasen espazos imaxinarios para o desenvolvemento da cultura, senón tamén ferramentas, ideas e visións que lle permitisen a esta mesma comunidade abrir campos novos para o seu crearse, para o seu medrar. Tamén cremos que, a día de hoxe, nos tempos da tecnoloxía hipermedia, o Libro (como artefacto refinado da conciencia buscadora e ensoñadora) segue a ser un medio para a transformación individual e social das persoas. Por iso, Axóuxere abre varias coleccións, enfocándose en toda esa liña histórica galega e evolutiva, con esa intención: seguir o paso creador de cultura, que vertebra e solidifica unha sociedade.