Alfonso Pexegueiro

O percurso vital e literario de Alfonso Pexegueiro (Angoares, 1948) revela unha experiencia da literatura moi afastada da súa redución ao texto impreso ou a unha mera cuestión de xéneros. Da súa inquedanza creativa, que o moveu sempre cara a fendas pouco exploradas no territorio escritural e existencial, agromou a finais dos 70 o Grupo de Comunicación Poética “Rompente”. Traballou tamén naqueles anos na redacción da revista Vagalume, e foi fundador e secretario da Asociación de Escritores en Lingua Galega, coordinando a revista Escrita e impulsando o I Congreso de Escritores en Lingua Galega e mais o encontro de escritores vascos, cataláns e galegos GALEUSCA. Viviu entre Galiza, Madrid, Barcelona e París e ten publicado textos fundamentais para entender a evolución da poesía contemporánea en galego. Publicou en español e galego, indistintamente, e entre as súas obras destacan: Seraogna (1976), Mar e naufraxio (1978), Círculos de auga (1979), O pabellón das hortensias azuis (1983), A illa das mulleres loucas (1984), Desatinos dun maldito (1991), El lago de las garzas azules (1994), Hipatia (1998), O deserto de Nabalpam (2003) e Dados blancos (2004). Ten indagado ademais nas posibilidades escénicas dos seus propios textos a través da súa participación —coa antoloxía poética Blasfemias de silencio— no Festival Internacional de Teatro Grec de Barcelona (1997), e da posta en escena da obra A illa das mulleres loucas.