Anxo Rei Ballesteros

Anxo A. Rei Ballesteros (Codeso, 1952 – A Coruña, 2008) é, dentro da literatura galega, un autor de marcada singularidade. Apaixonado da escrita, o pensamento e a vida, integrou sempre estes aspectos na súa experiencia cotiá, sen separación algunha. Pouco amigo de actos públicos e formalismos sociais, comprometeuse sempre a fondo coa cultura propia. Licenciouse en Dereito en Santiago, aínda que nunca o exerceu, e pronto manifestou o seu interese literario. En 1977 veu a luz Dos anxos e dos mortos, a súa primeira novela, canto xeracional que sinalou novas vías para a narrativa galega. Seguíronlle, con distancia no tempo, Loaira (1992), Non sei cando nos veremos (2005) e, postumamente, A noite do moucho (2009). Cultivou tamén o conto —A sombra dos teus soños, 1998— e o teatro —Xogos de damas, estreada en 1987; e a tradución d’A voz humana, de Jean Cocteau, dirixida por el mesmo en 1991—, así como o ensaio —Tempo e vinganza, 2003; Urda e mundo, xunto a Carlos Fernández, en 2008; e outros moitos ensaios breves e artigos esparexidos en diversas publicacións—, e traduciu o Molloy de Samuel Beckett, que viu publicado no 2006.