Henry David Thoreau (Concord, Massachusetts, 1817-1862). Pensador, escritor e un dos pais da ecoloxía e de toda forma de “desobediencia civil”. É coñecido, en xeral, por dous fitos na súa biografía: un, cando se retirou a vivir en Walden Pond (nun bosque cercano á vila de Concord) nunha cabana por el feita, lugar no que viveu por máis de dous anos sen contacto coa sociedade civil da época (froito desta experiencia é o seu libro Walden, ou sobre a vida nos montes); o outro fito consisteu en que -neste tempo de estadía no bosque- o quixeron obrigar (non tendo trato coa sociedade da que el conscientemente se apartara) a pagar impostos. El negouse e encadeárono por un tempo. Froito desta resistencia pasiva (como el chega a dicilo: “non participar naquilo no que non cres”) escribeu o seu libro Da Desobediencia Civil, que influeu a activistas, pensadoras e políticos de toda sorte. Gandhi profesaba unha admiración sobre este home, así como tamén Lev Tolstói ou Martin Luther King. É interesante como Thoreau conceptualiza a “práctica de resistencia contra o poder civil”, dende unha perspectiva pacífica. Del é a idea da «Desobediencia Civil». Grande amante da natureza, a súa vida pasouna na súa Concord natal, na que morreu cedo, á idade de 44 anos. Entre os seus amigos contábanse ao ensaísta Ralph Waldo Emerson e o novelista Nathaniel Hawthorne, cos que -entre outras persoas- constituíron o Clube Transcendentalista, sito en Concord, e no que definiron unha filosofía e unha práctica de vida que -co paso do tempo- ben poderiamos denonimar anticipadora das prácticas comunitarias autoxestionadas, e das formas de pensamento resistente contra os discursos e os sistemas de coñecmento pechado.