Martin Heidegger (Messkirch, 1889 – Friburgo, 1976) foi un dos principais filósofos do século XX, e tal vez unha das figuras máis creativas da historia da filosofía. Inicialmente vencellado á Fenomenoloxía -foi discípulo de Edmund Husserl (1859-1938), pai deste modo do pensar-, posteriormente foi evoluíndo cara a outras determinacións alleas ás principais formulacións desta (renuncia, por exemplo, á epokhé transcendental). Nesa nova xeira do seu pensar advense o que é, hoxe en día, considerado como o grande libro de metafísica occidental, do século XX: Ser e Tempo (Sein und Zeit, 1927). Nel exponse unha forma de pensar o ser (humano) dun xeito altamente sistemático, pero sumamente orixinal. A posteriori, Heidegger non negaría esta etapa do seu pensamento, senón que a expandiría pero dun xeito diferente ao que os demais considerarían o correcto. Fálase habitualmente dun «segundo Heidegger» para referirse a esa segunda etapa (á que pertencen textos como «A Cousa»), moito máis enigmática, escrita cun ton asertivo de carácter case oracular. En contra do que habitualmente se pensa (é dicir, que nesa forma de pensar hai un absolutismo epistémico), o certo é que o que Heidegger foi facendo implica un progresivo achegamento -cada vez máis radical- á orixinación do pensar filosófico tal e como este xurdiu en Grecia. Desde a palabra filosófica o pensador chega a ver aparecer o dicir non categorial, pero que se enuncia dun xeito asombrado, case mántico. Considérase a Heidegger un dos referentes principais para pensar a metafísica na fin do século XX e no inicio do século XXI. Estivo moi ligado ao debate e á reflexión con referentes intelectuais e culturais de todos os ámbitos: filósofos de diversa procedencia (Tanabe Hajime ou Karl Jaspers), artistas (Eduardo Chillida) ou escritores (René Char). Viviu a maior parte da súa vida retirado nunha cabana da Selva Negra alemá, en Todtnauberg. Como chegou a dicir del o seu antigo discípulo Herbert Marcuse, en 1976: «Ogallá tamén a nós nos poida ser concedida a graza de envellecer con dignidade, lucidez e serenidade».