Sri Nisargadatta Maharaj (Mumbai, 1897 – 1981) foi un vello mestre hindú da tradición filosófica e relixiosa da Advaita Vedanta. Toda a súa vida a dedicou ao traballo de fabricante e vendedor de bidis, un tipo moi característico de cigarriños indios feitos con folla de tabaco. Porén, sinteu desde mozo -tal vez influido polo contorno social da India, predisposto a unha apertura inmensa na exploración relixiosa e filosófica- a necesidade de coñecer sendas que o levaran a el a unha descuberta, a unha ampliación. Na India a Filosofía está estreitamente relacionada coa experiencia directa, e toda búsqueda filosófica é unha búsqueda da certeza inmanente que un ser pode acadar da realidade, e de si mesmo. Son vías de carácter relixioso, no sentido orixinal de «re-ligazón» do ser humano coas potencias primarias da realidade. É por iso que Nisargadatta atopou a un mestre, un sabio vedanta, Sri Siddharameshwar Maharaj, pertencente á antiga liñaxe de tradición oral Navnath Sampradaya, fundada teoricamente polo grande rishi (vidente) antigo Sri Dattatreya, na Idade Media. Durante moito tempo conviveu entre a experiencia psicolóxica de autoindagación propiciada por Sri Siddharameshwar coa venda e fabricación de bidis, pero un día aconteceu nel un «espertar» (tópico central de moitas filosofías hindús, a moksha, que é unha separación ou liberación do condicionamento da realidade e da natureza). Cando isto sucedeu deixou a familia, deixou as súas tendas, deixouno todo e vagou errante por toda a India. A súa idea era chegar aos Himalaias, pero no camiño atopouse cun amigo, vello coñecido del, co que -falando- se decatou de que para vivenciar unha experiencia constante de realización de si mesmo non precisaba irse até as montañas, chegaba con vivenciar a cotidianidade, e existir desde ela. Regresou ao seu Mumbai natal, e alí sigueu traballando na tenda que un dos fillos aínda mantiña. Co tempo comezou a aparecer xente pola tenda que se decatou da singularidade da atención e conciencia de Nisargadatta. Vellos amigos percibían nel unha transparencia metaconceptual. Pouco a pouco a súa sona chegou lonxe, e Maurice Frydman (1901-1976), un polaco que chegara á India para traballar de enxeñeiro, e que -coñecendo a realidade filosófico-relixiosa dese país- se entregou ao estudo da tradición hinduísta, fíxose amigo del, e rexistrou moitas das súas conversas. Durante moito tempo, Nisargadatta sigueu vivindo anónimo, sen eloxios nin recoñecementos estraños.