Zoopolitik

A «UNIVERSIDADE INVISÍBEL» é unha rede de activistas e traballadores do campo do coñecemento e a estética esteada en Galiza, e coordinada dentro da rede máis ampla da «Universidade Nómade». Ao longo dos últimos anos levan impulsando distintos proxectos cos que vencellar o mundo académico, artístico e os movementos sociais, apostando por unha produción autónoma, crítica e colaborativa. Zoopolitik é unha máis destas iniciativas, neste caso lanzada por catro Invisíbeis. Os cales son:

Antón Fernández de Rota. Doutor Europeo en Antropoloxía Cultural e Profesor da Universidade de Valladolid, foi Visiting Scholar na Universidade de California en Berkeley. Especializado no eido da Antropoloxía Política, os seus traballos mesturan referencias etnográficas, filosóficas, históricas e estéticas. Na actualidade traballa na redacción do libro Arquitecturas do desexo político, un reconto da esquerda europea, vista dende a perspectiva da produción de subxectividade, estudada no cruce da teoría política e as achegas dos Science Studies. 
Contacto: anton[arroba]invisibel.net



Carlos Diz Reboredo. Antropólogo e investigador da Universidade da Coruña. Desenvolve a súa Tese de Doutoramento sobre movementos sociais. Ten realizado traballo de campo en diversos puntos da xeografía europea, seguindo as prácticas da rede de centros sociais de segunda xeración, coa Critical Mass e as bike kitchen, nas contra-cimeiras do movemento altermundialista ou na rede CIRCA de activistas transnacionais. No seu traballo ocupan un lugar importante os estudos corporais, o espazo público e a cidade, o xogo e as formas teatrais, e as retóricas do humor sociopolítico.
 Contacto: carlos.diz[arroba]udc.es

Martín Cebreiro López. Sociólogo de formación, especializouse nos seus estudos de posgrao nas migracións internacionais, no tocante ao asociacionismo migrante e os Centros de Internamento para Estranxeiros. Membro da Asociación Sen Papeis d’A Coruña, participou nas comisións de traballo de #acampadacoruña e nas Asembleas de Barrio xurdidas do #15M. Na actualidade investiga acerca da relación entre migración, música e formas de vida a través da historia da música xamaicana.
 Contacto: mcebreirolopez[arroba]gmail.com

Rosendo González. Estudante de Filosofía na UNED, colaborou nos últimos anos co Equipo I+D “Análise da cultura en acción dos novos movementos político-sociais” da Universidade da Coruña. Ten por liñas principais de investigación a biopolítica, a cultura e filosofía do espectáculo e as novas formas de guerra, temáticas sobre as cales escribiu varios artigos e impartiu numerosos seminarios. Como blogueiro divulga a súa produción intelectual dende A Cidade Tecnicolor. É coeditor xunto con J. A. Brandariz e A. Fernández de Rota do libro Globalización en crisis. Gubernamentalidad, control y política de movimiento (Ulex, Málaga, 2009).
 Contacto: rosendo.gonzalez.nunez[arroba]gmail.com