Coleccións

HAI UN AMOR profundo en nós polas musas; dende hai anos convocámolas en todo momento, en cada instante da nosa vida: é como se tivésemos unha entrega cultural á súa realidade. Pero tal vez o que sucede é que intuímos, comprendemos que detrás dos seus rostros femininos hai outra cousa maior, unha forza que refire aspectos indomeados do mundo, cousas-vidas-sensacións que os científicos non foron quen de atrapar nas súas redes de conceptos, pero que os poetas si, dado que manteñen estreitos vínculos con elas. Supoñemos que esa museolatría na que vivimos ten que ver con ese frenético amor á verdade, ou -polo menos- a como esta se presenta. É por iso que cada unha das coleccións que nós fomos definindo, aquelas que existen e aquelas que aínda non están, reciben o nome dalgunha musa tutelar: Clío (a señora do pensar e do recordo), Calíope (a dona da voz profunda), Polimnia (a que enxerga multitudes de cantos), Terpsícore (a mestra da danza) … Todas elas son parte do noso navío. Con elas navegamos.