Clío

Clío / Colección de Pensamento.

Formato Peto: 115 x 160 mm.
Extensión Aproximada: 150 pxs. libro.

Enfocar textos de carácter contemporáneo, ou ben clásicos perennes, non moi extensos, pero que marquen fitos no pensar ou na activación social. Enfocalos cunha Introdución, feita por coñecedores da obra respectiva, de non moita extensión, que abran unha visión sobre o libro. Enfocar os libros como materiais de traballo. Libros para a propia investigación persoal.

NUN MOMENTO no que a activación do pensamento crítico está a ser unha evidente necesidade dentro de todos os ámbitos socio-políticos a nivel global, e dado o singular momento histórico no que nos atopamos —no que novas formas de relación se veñen derivando do incesante desenvolvemento tecnolóxico, dos tirapuxas da economía, das correntes migratorias masivas, etc.— semella preciso para calquera sociedade procurar pautas que sirvan de guía para a interpretación de tales circunstancias, axudando deste xeito ao nacer dunha conciencia implicada no devir da comunidade. En Galiza o proceso está a darse dun modo singularmente intenso, pois a confrontación da sociedade tradicional coa contemporánea está a provocar un permanente esforzo de redefinición de si mesma que a leva á procura de novos paradigmas nos ámbitos teóricos e pragmáticos. Por outra banda, se a nivel colectivo se dá esta necesidade, no individual tamén deixan de ser efectivos os vellos paradigmas clásicos, de maneira que nace entre as persoas un desexo de novas ferramentas que contribúan á reflexión sobre o seu propio ser, sobre a comunidade actual, sobre o cambio xeral de modelo (inminente) a nivel social.

Clío (musa asociada tradicionalmente á historia e ao pensamento) é unha colección que nos convida a facer un repaso dalgunhas obras que, tendo nacido fundamentalmente no século pasado, supoñen apuntamentos para un estudo integrativo de formas de vida e de pensar que, non tendo sido suficientemente asumidas, permanecen non só en completa vixencia, senón tamén no cadro de posibilidades para a construción da vida persoal e colectiva. Textos que suxiren puntos de partida e sinalan camiños para un pensar que cambie, indague e profunde no sistema gnoseolóxico que usamos, no modelo de coñecemento e construción social que temos definido, sen telo posto nunca en cuestión. Textos para cuestionar o presente, e advir o futuro.