A Cousa
A Cousa / Martin Heidegger
Tradución de Almudena Otero & Ramón Palao
Introdución de Ramón Palao
Edición bilingüe Alemán – Galego
124 páxinas / Prezo: 10€
PENSAR o presente conleva necesariamente encararmos unha cuestión fundamental: a indistinción, a indiferenza, a ausencia de separacións á que tende en xeral todo o devir do mundo contemporáneo, socialmente instaurado na procura do lixeiro, veloz e inmediato. Heidegger, filósofo sempre atento ás mutacións do tempo moderno, previsualiza un desprazamento no horizonte humano que aproxima a este, segundo a súa perspectiva, cara a unha ausencia de si, cara a unha difusión na que as experiencias deveñen lixeiras, vagas, imprecisas; ante esa vaguidade ve el o acontecer (subxacente) que forma as cousas do mundo, un acontecer nada claro; porén, moi axustado, certo. Situarse ante ese acontecer -e diante das cousas tal e como se aparecen- desvela o misterio da cercanía, isto é, móstranos o aquel do próximo. Preguntarse pola proximidade devolve, de xeito natural, ao ser humano á radicalidade da existencia núa, á cuestión do experienciar como vida-que-coñece. «A Cousa» é un texto fundamental na traxectoria de Martin Heidegger, ao que unha e outra vez volveu , posto que nel aparece (el mesmo o confesa varias veces) a insinuación dun pensar outro, un pensar no que a clásica re-presentación da realidade (ideal, fantasmagórica) se esvae cara ao que el chamou «o paso atrás» (Schritt zurück), un renunciar -se cabe- á ideación absoluta de ideas e principios, un estar á escoita, un agardar, un entrelazarse no boscoso darse das cousas. E deste xeito no pensar que xa non é necesariamente figurativo advir un transcorrer aberto, despregante. «A Cousa» influíu a moitísimos pensadores de diverso tipo, e foi motivo constante de atención por parte de filósofos de tendencias moi diversas (desde Keiji Nishitani até Jacques Lacan). Presentamos a primeira edición bilingüe (alemán-galego) do citado texto, nunha proposta tradutolóxica que máis ca unha tradución é -seguindo as liñas do pensar propio de Heidegger- un exercicio filosófico en si, un estar á escoita do mundo como espazo no que se produce o milagre do vivir.