Eu son
Eu son / Sri Nisargadatta Maharaj
Tradución de Iván Sende
Introdución de Maurice Frydman
204 páxinas / Prezo: 12€
DIFERENTE das construcións teóricas occidentais, a Advaita Vedanta (unha das seis dársanas ou «filosofías» hindúes) propón unha reflexión sobre o ser humano, sobre o noso ser existente non como unha «idea» na que podemos crer ou non. Para a Advaita Vedanta o coñecemento filosófico ha de suspender o proceso racional e imaxinal de construción das identidades e das «imaxes» que temos das cousas, eventos e sucesos do mundo. Hai quen quixo comparar esta dársana con certos plantexamentos da Fenomenoloxía husserliana, hai tamén quen quixo ver nela unha certa intención soterrada do derradeiro Martin Heidegger. En calquera caso, esa «suspensión» (que pode lembrar á epoché pirrónica) lévanos a «contemplar» o acontecer, o propio-devir-do-real como algo que se vivencia no sensible, que se realiza no existente. Por primeira vez en galego traducimos un conxunto de conversas de varios indagadores filosóficos e espirituais con Sri Nisargadatta Maharaj, un humilde vendedor de bidis (cigarros hindúes) que inserido na tradición filosófica da Advaita realizou un achádego fundamental no seu ser: decatouse da inexistencia de toda construción mental que referise en orixe a súa realidade como «ser humano». Este conxunto de conversas foron recollidas por Maurice Frydman, amigo persoal del e conselleiro de Gandhi, un dos principais difusores da filosofía oriental no Occidente. Libro estraño e singular, que -fóra do convenio ortodoxo co pensar racional- nos leva a un páramo solitario no que só resoa un son: a presenza dun mesmo realizándose no mundano.