Bolo ‘Bolo _ P.M.
Tal e como di P.M. nun dos capítulos deste libro: «bolo’bolo é parte da (miña) segunda realidade. É estritamente subxectivo, xa que a realidade dos soños nunca pode ser obxectiva. Será bolo’bolo todo ou non será nada? É ambos e ningún. É unha viaxe á Segunda realidade, como Yapfaz, Kwendolm, Takmas, e Ul-So. Alá hai moito espazo para os soños. bolo’bolo é unha desas irrealísticas, amorais e egoísticas manobras de diverxencia na batalla contra o peor. bolo’bolo é tamén unha modesta proposta para o novo saneamento da espazonave (terra) despois do desaparecemento da Máquina. Aínda que teña comezado como mera colección de desexos, moitas consideracións en canto á concretización deles fóronse acumulando no reverso. bolo’bolo pode ser realizado no mundo enteiro en cinco anos, se comezamos agora. Garante unha aterraxe suave na Segunda Realidade. Ninguén vai morrer máis cedo nin pasar máis fame e frío do que agora, durante o período de transición. O risco é moi pequeno». Este texto, publicado de modo anónimo, baixo as siglas de P.M. crea un mundo paralelo no que o pensar e o imaxinar confían en que é posíbel abrir un campo dialéctico novo, utópico, creativo fóra dos determinantes cotiás nos que fomos construídos. Obra clave no movemento alternativo dos anos 80 en Suíza.
As Portas da Percepción _ Aldous Huxley
Aldous Huxley (Godalming, Inglaterra, 1894), ten unha extensa obra novelística e ensaística, exerceu a crítica dos roles sociais, as normas e os ideais, e interesouse pola espiritualidade e mais a mística, acadando nos derradeiros anos da súa vida gran consideración como figura do pensamento moderno. A través do relato experiencial persoal Huxley introdúcenos en As portas da percepción nun mundo percibido baixo un estado de conciencia acrecentado, propiciado polo consumo da mezcalina, no que os filtros mentais decodificadores da realidade ordinaria desaparecen. Móstranos daquela un infinito dificilmente atinxíbel mais que trae novas visións da realidade, na que as cousas da mesma -segundo di Huxley- «comezan a falar por si mesmas». O libro do visionario escritor concentra nun senso amplo o sentido do conxunto da súa obra e tivo unha indubidábel influencia na década dos sesenta e posteriores, sendo aínda hoxe referencia para aqueles que exploran outros ámbitos da realidade. En certo modo esta obra é a que marca o inicio de toda esa xeración que explorou os ámbitos non ordinarios da conciencia, expresándose así a través do libro toda unha enerxía que, debido ás vicisitudes da «normalidade» actual, se foi esquecendo, ou relegando a ámbitos nos que a crítica soe considerala anecdótica. Para nós é unha obra precisa, máis agora no que novas mentes e novos impulsos parecen comezar a brillar dende abaixo da máscara do mundo da mercancía.
O Grande Niño do Ser _ Ken Wilber
Ken Wilber (Oklahoma, USA, 1949) é, para algúns, o guía dunha nova forma de concibir a psicoloxía. A súa obra acadou fama na última tempada debido a que, por riba de modas e modelos dispersivos, propón unha procura unificadora na investigación dun modelo universal da conciencia. En O Grande Niño do Ser explora a concatenación existente entre disciplinas aparentemente dispersas: tecnoloxía, espiritualidade, filosofía e ciencia física. Neste intento integrador tenta estabelecer liñas de conexión entre as visións perennes (tales como as diferentes formas de espiritualidade: vedanta, hinduísmo, taoísmo, cristianismo, etc.) e as visións posmodernas, incluíndo nelas a ciencia máis contemporánea, como a chamada Teoría-M ou Teoría de Membranas (actual reformulación da xa antiga «teoría de cordas»). Nesta investigación, e sen quedarse no mero intelectualismo creador de entelequias, abre a porta a entender ao ser humano como unha forza de enerxía consciente que (no seu devir biolóxico, social e abstracto) é creadora non só do seu nicho existente, do seu espazo biolóxico, senón tamén dun «mundo», na medida en que este (o «mundo que cada un crea») é unha expresión ordenada do universo, en tanto Kosmos. Interesante apertura para un pensar transdisciplinar e non meramente académico. Unha porta para a transformación da era da excesiva información na da síntese consciente.