Formato Libro: 115 x 160 mm.
Extensión Aproximada: 90 pxs. libro.
Textos de tipo inminente, na medida en que fundamentalmente serán escritos e desenvolvidos por xente de Galiza, ou doutras terras, neste tempo de agora, neste tempo de xa. Ideas, pensamentos e aperturas se darán como «breves aproximacións ao combate». Un combate a prol de nós mesmos, da nosa realidade. Un combate no pensamento. Unha resistencia na crítica.
A MUSA DAS MÚLTIPLES VOCES, dos múltiples himnos. Esa é Polimnia. Nós convocámonos con ela e pensamos que a nosa colectividade, cando resoa e fai ruído, cando canta e artella discursos en conxunto, é como se Polimnia estivese ao noso arredor danzando a súa danza de ruído harmónico. Cremos que ese ruído harmónico é o paradigma necesario neste tempo noso no que se ve un tránsito entre a vella sociedade da información e esas novas sociedades do coñecemento que, por mor da síntese precisa para entramar toda a información recibida, se conforman en base a un auxilio colectivo, xa non individualista. Cremos con esta colección na necesidade de darlle vida, de modo inminente, a discursos que vertebran o real, que vertebran a sociedade, que vertebran o mundo. Por iso eliximos textos de non moita extensión, feitos dende a análise e a crítica, sen deixar de posibilitarmos a «creación conceptual» (tan necesaria para o avance do coñecemento), que poidamos editar case en formato libriño de peto, de xeito que -entre a teoría e as propostas de novas prácticas, entre o ruído de fondo da sociedade mediática e as praxes de carácter alternativo- se vaia creando o tecido máxico do ruído que se autoorganiza, do ruído que vai collendo xeito, que vai collendo dimensión.
É esta unha colección que, aínda cando nós a vaiamos tecendo, está aberta a tod@s @s creadores galeg@s, e non só galeg@s, que teñan algo que dicir, que queiran mostrar un discurso persoal, propio: un traballo íntimo no proceso de develado e comprensión desta realidade que nos tocou vivir. Estamos abertos aos vosos textos. Para ese fin podedes contactar connosco a través da sección Contacta.