A Escarpadura
A Escarpadura / Javier Turnes García
90 páxinas / Prezo: 8€
Hai voces que proceden do espazo intermedio do mundo, dese espazo que non está aquí, pero tampouco alí. Ese espazo que nace cando todo é abandonado, cando todo deixa de ter o sentido que (historicamente) tivo. Cando todo perde o ritmo común, cando o cotián se fai outra cousa máis escura, e cando todo o que sempre fumos deixa de ter peso. Cando iso sucede, un atópase na Escarpadura. Ese mundo nin-alto-nin-baixo, ese mundo (coma na Emboscadura de Ernst Jünger ou nos paseos delirante-poéticos de Thoreau) que é coma un ensoño. Un ensoño no que a nosa andaina común se cuestiona, e comezamos a interrogar por aquilo que está alá, despois daqueles montes, alá, naquela visibilidade luminosa na que parece atinxirse unha claridade maior. O libro A Escarpadura de Javier Turnes responde a esa intermediación entre os mundos, a ese momento no que «… comprendemos que o tempo pasa. E comprendemos que tan só temos os nosos pasos, as nosas forzas e a compañía das pedras que falan nunha lingua estranxeira.» Ese espazo-mundo que é «A Escarpadura», e que neste libro se presenta como unha indagación a cabalo entre o poético, o filosófico e case o autonarrativo. Un libro íntimo e poderoso.