A Via Excentrica
A Via Excentrica / Ronaldo Ferrito
104 páxinas / Prezo: 8€
Tomando como referencia metafísica o «Camiño de Santiago», Ronaldo Ferrito introdúcenos nun mundo no que a Interpretación (a hermeneusis) e o Camiñar (o andar, o percorrer un sendeiro, etc.) se fan unha mesma cousa. Unha «hermenéutica do andar». Un andar no que obra se vai aparecendo ao paso que dá o pé; andar que se descobre, por outra banda, a si mesmo como unha poética: o reflexo daquilo que o camiñante observa no ceo.
A via excêntrica, libro co cal Ferrito gañou a bolsa para escritores da Fundação Biblioteca Nacional do Brasil, en 2009, achéganos ao proceso da creación como un devir no que a obra se fai camiño e na que o (suposto) autor se devela a si mesmo «personaxe» dun drama no que se manifesta non nunha re-presentación (conxuro mecánico do ego), senón como unha presenza que xorde do descoñecido, dese locus que habita no centro da propia excentricidade. O ensaio proponnos unha desaparición das superficies de elementos separados, para permitir emerxer o plano do fondo que refigura todo a través dun novo xogo. O novo plano de consistencia, a nova superficie é a corredoira, o camiño-do-peregrino, o lugar de paso polo que anda o nómade. Xorde un novo enfoque non-lineal para comprendermos os camiños da poiesis nun mundo que se complexiza máis (a cada paso que dá o século), pero que tamén, noutro nivel non percibido, se clarifica. E entón é cando queda aquel eco: «andaba o errante polos camiños, cego ao mundo ordinario… andaba o errante configurando as novas interpretacións do mundo. O errante era o creador da historia, o facedor do relato».