Formas da Indefinición
Formas da Indefinición / Ignacio Castro Rey
94 páxinas / Prezo: 8€
INSTANCIADO NO VALOR da Terra, no sentido nietzscheano, esa Terra que é superación e regreso, Ignacio Castro Rey, pensador galego multidireccional, fainos entrar na silandeira reflexión sobre o noso tempo contemporáneo, este tempo de aceleración e constante enaxenación. Fainos, a través da súa peculiar viaxe iniciática a San Petersburgo, e a través das viaxes máis mínimas que supoñen a contemplación das atoladas arquitectónicas actuais (Cidade da Cultura do Gaiás, as Torres Petronas de Kuala Lumpur ou San Chinarro, en Madrid), regresar a ese punto no que a difuminación da imaxe posmoderna se contrae na propia reflexión cara un mesmo, cara ese espazo interno no que a boscosa rexión do pensar se fai catapulta cara o indefinido, o impreciso, o acategorial, nese movemento impermanente que supón -como el di-: «Pensar no que facemos. Todo está ben con tal de que sexamos capaces de pensar no que facemos. Agora ben: Pensamos, facémolo?»