Indeterminacións
Indeterminacións / Carlos Lema
114 páxinas / Prezo: 8€
É COMO SE houbese figuras que se estancan no tempo. Como se as diferentes discursións que o ser humano foi realizando no mundo acadasen unha determinación fixa, unha sedimentación errónea. Camiñando o tempo -e evolucionando historicamente- constatamos como antigas cosmovisións (que nun tempo pasado foron alimenticios e fértiles acubillamentos do espírito) se fan convulsos sistemas de signos, axioloxías decretadas como Absolutos, doutrinas dun carácter estrañamente fechado e totalizador. Ante esa forma de xerar «mundo» e «sentido» é ante a que se alza este libro, conxunto de ensaios publicados polo autor ao longo dos anos, en diversos medios. Neles unha mesma cuestión latexa no fondo: Que hai despois de toda esta instauración determinista de sentidos? Que pode aínda ser pensado cando as técnicas do saber e do poder (tal e como chegou a ver Michel Foucault) chegaron a tales niveis de densidade que o pensar parece esmorecer en urdiduras fascinadoras que nos cegan a visión? Que podemos ver e facer alén do Poder determinista que constrinxe o comportamento libre dos corpos e dos pensares? Son estes lúcidos ensaios que poñen en cuestión un modelo de pensamento común a esta época na que esas doutrinas (esas dogmáticas non críticas) se aparecen ante nós co esplendor dun Espectáculo xa caduco e murcho. Un fantástico percorrido polo lado crítico do real, por ese lado no que debemos discernir e ver, con ollos calmos, o acontecer formador do noso arredor.