Presenza dunha Ausencia
Presenza dunha Ausencia / Anxo Rei Ballesteros
Prólogo de María Xesús Armada
Introdución e notas críticas dos editores
Reprodución de fragmentos do orixinal manuscrito
Tríptico fotográfico interior de Juan Carlos Navarro
142 páxinas / Prezo: 18€
CO SUBTÍTULO de Sobre Maurice Blanchot, este ensaio inédito de Anxo Rei Ballesteros reflexiona sobre a obra L’espace littéraire do citado autor francés, dun xeito persoal, dunha maneira que tan só o vertixinoso pensamento de Ballesteros pode facer. Atopado, tras a súa morte, entre os papeis manografados que deixara almacenados no seu estudo, este ensaio ten a virtude de poñernos en tensión, de facernos cuestionar a nosa relación (violenta, sacrificial) co literario, e esencialmente con todo aquilo ao que nalgún momento histórico se lle chamou “comunidade”. É claro que a pluma de Anxo percorre todos os tópicos centrais da tradición europea do pensar (desde a metafísica até a literatura shakesperiana), pero hai algo que alarmante chama en todo momento desde ese gume fino que atravesa o escrito: a visión do orixinario (daquel ereignis heideggeriano), da súa poderosa recorrencia destrutiva e creativa a un tempo, esa repetición constante de todo o diverso no máis sinxelo e simple, tal vez no máis indixente, no máis patético. A radicalidade do pensamento de Ballesteros ponse en contexto coa radicalidade -semellante, equiparable- dos pensadores franceses do mal chamado “posestruturalismo” (Deleuze, Foucault, Blanchot, etc.), para facernos pensar na cerna que palpita e pula no interno darse da nosa petrificante relación coa morte (binomio excelente entre o presente e o ausente), e interrogarnos de modo agresivo sobre a constitución primordial que dá valor ao noso existir como humanos. Atopado nun estado de non conclusión, o ensaio porén conserva unha estraña aura, un fulgor que brilla desde o seu adentro. Tras un traballo fondo, poñemos á disposición do lector unha obra que tal vez marque un pequeno (humilde e imperceptible) fito no despregue da ensaística en galego.