Narrativas

ATEIGADOS DE IMAXES, inzados de soños alleos, estremecidos polo peso da información visual nos nosos procesadores mentais, colapsados e sen capacidade para integrar aquilo todo que se fai exceso, procuramos un novo rumbo na investigación (persoal) arredor do cinematográfico, da comunicabilidade que expresan os medios audiovisuais. Chamámoslle a este proxecto «Narrativas antropovisuais» e con el pretendemos indagar nun novo dialoxismo co medio, intentando traducir á linguaxe cinemática formas de pensar e ver o mundo de «sistemas cognitivos» non meramente occidentais. Temos traballado en varios espazos (Oaxaca, en comunidades indíxenas; Galiza, escolas coma o Pelouro; África, espazos comunais, tribais), intentando procesar unha subxectividade narrativa que aprenda unha nova situación; unha situación non-espectacular. É un proxecto de carácter moi experimental, e estamos aínda traballando (aos poucos) nel. Integra dende aspectos de xénero documental até investigacións propiamente antropolóxicas. Neste proxecto hai unha mestura fonda entre o ficcional e o real. Se che interesa coñecer máis do que andamos a facer, contáctanos dende o formulario.