Residencia de Escritores
O TRABALLO CREATIVO a miúdo precisa dun espazo e tempo propios, e dunha forma de atención non doada de atopar no mundo social actual, onde o imperativo externo do sistema produtivo aprisiona a posibilidade de expansión e desenvolvemento creativo. Non é doado, a día de hoxe, atopar espazos que propicien a realización libre dese proceso. @s integrantes da Axóuxere entenden a vida como un proceso creador, que -contra as paramétricas actuais da sociedade capitalista- se realiza no coñecemento, na autoexpresión e no despregue do ser de cada un. É esa unha das razóns polas que a editora configurou un espazo na aldea de Brión (Leiro, Rianxo), entre o ano 2011 e inicios do 2014, no que plantexou unha forma de vida comunitaria, baseada no mutuo respecto e na investigación co-relacional entre persoas, a fin de formar unha potencia emancipadora que nos liberase do xugo das opinións e das crenzas cotiás, abríndose o paso cara a horizontes experienciais non determinados como dogma de ningún tipo.
Por esta razón e intentando que o proceso de investigación nas formas de vida que realizan o creativo se expandise, Axóuxere puxo en marcha un programa de Residencias para Escritores e Escritoras, na casa que a editora dispuña na parroquia de Leiro, na aldea de Brión, dentro do Concello de Rianxo, ao lado da coñecida Praia das Cunchas. Esperabamos con isto enriquecer o espectro creador contemporáneo, e dar pé a entender que hai sendas comunitarias e de despregue que non fincándose no consumo, produtivismo nin na dependencia material do exterior, permiten realizar unha vida ética, e experiencialmente aberta, en colaboración con outr@s. Tras dous anos e medio de experiencia tivemos que parar momentanemanete o proxecto, non porque a nosa vida (o noso proceso comunal de aprendizaxe e creación) estivese mal armada, senón porque certos conflitos coas formas institucionais máis características nos impediron facer que o proxecto florecese. Demostrouse, outra vez, o ridículo sistema institucional que rexe as vidas das sociedades nas que estamos inmerso@s. A parada momentánea non significa renunciar totalmente ao proxecto, xa que Axóuxere segue baseándose nun traballo colectivo e no entendemento da cultura como proceso de despregue e resistencia. Axóuxere segue a considerar novas maneiras de expandir a idea inicial desenvolvida en Brión. Até ese intre convidámosvos a que manteñades o pulo da creación erguido.
Ensaio sobre Axóuxere Mensaxe de Xaneiro 2014 Contactar