CHIARA BERTIN (Sant’angelo Lodigiano, Italia), aínda que non se considera propiamente unha escritora, integra na súa investigación creativa —que comprende unha multiplicidade de linguaxes como música, danza, artes plásticas e visuais, e teatro— o ámbito do literario. Licenciouse en «Comunicación Multimedia» pola Universidade de Pavia, en «Arte Contemporánea» pola Unversidade Ca’ Foscari de Venecia, e en «Deseño Multimedial» na Academia de Belas Artes de Florencia. E continuou formándose e traballando nun teatro, espazo integrador de todas as súas inclinacións, ao tempo que encetou o seu labor como deseñadora gráfica e artista dixital. Neste último aspecto, ten realizado ilustración para prensa, escrito poesía visual e desenvolvido dramaturxias teatrais dentro de Italia, mais tamén noutros países como Polonia. Chiara, que se decanta polo uso de elementos artísticos que involucran conxuntamente diferentes sentidos, trae á Residencia de Escritores de Axóuxere unha proposta de traballo centrada na interpretación textual por medio das artes visuais. Partindo dun conto do escritor italiano Luigi Pirandello, o proxecto da artista italiana propón un aprofundamento na función estética da linguaxe dun xeito experimental no que a imaxe —en todos os seus aspectos— e o texto fan parte da mesma obra, dando así lugar a un outro modo de lectura: á creación dunha «novela visual». Non necesariamente entendida no sentido habitualmente conceptualizado como “novela gráfica”, aglutinadora de diversas linguaxes, senón máis ben procurando unha nova linguaxe, síntese da integración do narrativo, o poético e mais o gráfico-visual. A estancia de Chiara foi financiada polo GAI (Giovani Artisti Italiani) e polo Ministero per i Beni e le Attività culturali grazas ao proxecto Movin’up. Chiara Bertin foi seleccionada entre os artistas gañadores do concurso Movin’up, tras unha cura de novos artistas italianos e do propio Ministerio de actividades culturais.