ELISA IGLESIAS GIL nace en Ourense (1984), e é licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Alí tamén cursou o Mestrado en Formación do Profesorado. Viviu un curso en Lisboa coa Bolsa Erasmus 2004-2005, e participou na Aula de Teatro Universitario do Campus de Ourense, Grupo Rousaura, no 2009, actuando dentro da MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense) dese mesmo ano. Entre as súas afeccións destacan a música indie (mesmo chegou a traballar de DJ durante un tempo), o cine, as series de televisión americanas e, dende sempre, a escritura. Colabora con El Club Express realizando crónicas musicais e ten un blog de carácter persoal, Pés Espidos, dende o ano 2005. Na actualidade prepara oposicións para ser profesora de Educación Secundaria. Elisa, que desenvolve unha evocadora prosa de carácter auto-narrativo, achégase á Residencia de Escritores de Axóuxere cun proxecto de novela de personaxes entrecruzadas. Unha historia que transcorre ao longo de dous cursos nunha cidade sen nome que ben podería ser Ourense, Vigo, Lugo ou Coruña. As personaxes son peixes que non respiran por branquias, afogan na auga. Teñen pulmóns e unha memoria prodixiosa. A maioría deles intentan ignorar os seus recordos; outros viven completamente ancorados no pasado. Son inadaptados, non aceptan as súas vidas. Amizade, amor, recordos, ausencias… Porque algunha vez todos fomos rescatados para converternos en salvadores.