Contamos, na Residencia de Verán 2013, coa presenza do narrador portugués João Tordo (Lisboa, 1975). Romancista, guionista, xornalista e músico, licenciouse en Filosofía e estudou Xornalismo e Escrita Creativa en Londres e Nova Iorque. Ten publicado 6 novelas: O livro dos homens sem luz (2004), Hotel memória (2007), As três vidas (2008) —pola que recibiu o Prémio Literário José Saramago—, O bom inverno (2010) —finalista do premio da Sociedade Portuguesa de Autores e do Fernando Namora, e seleccionado para o Premio Literario Europeo—, Anatomía dos mártires (2011) —tamén finalista no Fernando Namora— e O ano sabático (2013). Os seus libros están publicados, alén de Portugal, en Francia, Italia, Brasil, Serbia e Croacia. Influenciado na súa escrita por autores como Poe, Melville ou Dostoievski, así como pola literatura policial e de misterio, constrúe narrativas dentro de narrativas (narraception) absorbendo ao lector a través da inmersión emocional na súas historias. Actualmente traballa como cronista, tradutor, guionista de cine e formador en obradoiros de escrita creativa e ficción, e tense achegado á Galiza recentemente, participando en diferentes eventos e presentacións nas cidades de Vigo, Santiago, Coruña e Pontevedra, ademais de facer parte da Homenaxe a Rosalía de Castro realizada en 2012 no Correntes d’Escritas —o maior encontro de escritores de expresión ibérica— que se celebra cada ano en Póvoa de Varzim. João Tordo, que ten feito residencias literarias en Nova Iorque e Montreal —experiencias das que, en grande medida, naceron algunhas das súas obras mencionadas— achégase agora a Rianxo para profundar no traballo dunha nova novela cuxa trama transcorre entre Galiza e Portugal e se desenvolve a través dunha serie de personaxes que integran elementos biográficos familiares do propio autor.