A RESIDENCIA DE OUTONO DO 2012 contou, no mes de Novembro, coa presenza de Nerea Pallares (Lugo, 1989). Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Colaborou na redacción do Informe de Literatura 2008, elaborado e editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Traballou como xornalista no diario El Progreso e ten publicados críticas e artigos de opinión na plataforma Galicia Digital, no xornal Galiciaé e na editorial Tusmann. Recibeu o seu primeiro premio literario aos trece anos, no 43º Concurso Nacional de Redacción da Fundación Coca-Cola España; ten gañado tamén catro edicións do Concurso de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo e recibeu un accésit no 17º Concurso de Contos Vila de Pontedeume. No 2011, foi becada pola Fundación Antonio Gala para escribir a súa primeira novela, chamada «Yo maté a Bárbara», durante un ano enteiro, vivindo na sé da Fundación en Córdoba, en convivencia con outros mozos creadores pertencentes a distintas disciplinas artísticas. Está interesada nos procesos transversais da arte hipermedia contemporánea, colaborando co Laboratorio de Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela. No Concello de Rianxo realizou un obradoiro chamado «O ambiente no proceso creativo: construción e re-construción de identidades», na Biblioteca Pública Castelao, no mes de Novembro. Tamén fixo, no mesmo mes, unha lectura dalgúns dos contos que creou dentro do contexto da Residencia, para un proxecto chamado Sidecar, consistente nun libro de relatos, poliédricos e altamente poéticos. Pódese atopar unha entrevista a ela no Xornal Certo, seguindo este link.