Galicia Hoxe
MORRE un proxecto editorial, un xornal en galego, Galicia Hoxe. Son moitos anos, dende o 2003, en que este substituira ao xa mítico O Correo Galego, fundado no ano 1994. Fumos moit@s @s que, ao través do anos, medramos con esas palabras, limos esos textos, aprendimos das verdades que alí se dicían. O importante, en todo caso, non foi nunca o feito das palabras alí escritas e se estas contiñan isto ou aquilo de certeza, non… O importante, polo menos para moit@s de nós, que aquí en Axóuxere estamos, foi o feito de que a lingua usada era o galego. Iso, para a nosa conciencia, «configuraba un espazo de resistencia» ante o terríbel acomodamento en que neste pequeno pais a xente vive con respecto ao seu legado, á súa cultura, á súa herdanza. Somos, tristemente, un dos pobos europeos que menos valora o seu propio legado, que máis o pon en cuestión (constantemente) dende instancias non só comunitarias, propias da xente de todos os días, senón -curioso e terríbel- dende as propias instancias «institucionais».
Xa non se trata só de que un proxecto cultural, xerador de tecido cultural, afoga -naturalmente inducido isto tamén pola consabida «crise» que afecta a absolutamente todos os medios; especialmente os minoritarios- senón que se trata da caída ou da ruptura dunha referencia espiritual para moit@s. Unha referencia espiritual que -paradoxicamente- as forzas que, dentro dunha cultura, deberían velar por manter con potencia articulativa, o que fan é «desatendela», «desfornecela», «por os ollos noutro lado», cando sabemos -e isto si é terríbel- que cando as forzas que axudan ao despertar dun pais (véxase, «institucións», «grupos culturais», «empresas vertebradoras», etc.) non enfocan atentamente o seu poder en viabilizar estos proxectos, estos desaparecen porque son coma flores. Os Proxectos (culturais, experimentais, creativos) son coma Flores. Desatendelos é desatender o regado e coidado das flores do noso xardín.
Por outra lado, e sendo moi obxectivos, non cremos, dende Axóuxere, que se deba isto (a extinción dunha forma de crear cultura) a algo estraño; senón a algo premeditado que o propio Imperio ten planexado dende fai tempo: a absoluta extinción de toda «forma de vida» que non segue o rego da forma dominante de crear realidades, de vertebrar mundos. Iso é o que realmente sucede. O Mundo Galego, a realidade (virtual, ensoñada) deste Mundo que é Galiza, e que constituimos (coa nosa imaxinación) moit@s, está sendo -progresivamente, e a marchas forzadas- «separada», «divivida», «segmentada». Por que? Por unha sinxela razón: Porque para este mundo «artificial» (o da Globalización) que configura o celme mesmo do intento do Imperio por existir (dominando toda posíbel «forma de vida»), nesta realidade que tende á «unicidade artificial» deletreada pol@s poderos@s toda forma de existencia minoritaria debe ser, naturalmente, «criminalizada», porque o reducto, o foco de resistencia é foco de destrución do Imperio. Por que -podemos preguntar- é foco de destrución? Moi sinxelo. Porque ese foco de resistencia pon ao Imperio en xaque, dado que mostra a futilidade do seu proxecto de «uniformidade». Mostrando que hai unha inmensa «multiplicidade».
Sexa como sexa: aínda haberá mil primaveras máis para a nosa cultura. E @s don@s das pesas e das medidas (os vertebradores da rede falsa) nada poderán contra iso. Porque poden cortar unha flor, pero non destrúen a primavera enteira.
Deixa un comentario
Os campos marcados cun * son necesarios
3 Comentarios
28 Xuño 11 ás 11:05
1
Triste, de certo:A Nosa Terra, a Nasa, o Galicia Hoxe... Flores que, lonxe de murchar, son cortadas. O prado sen flores, o bosque sen árbores... O deserto e o ser humano. "Adaptádevos aos tempos", din algúns. Ten sentido que a primavera se adapte a algo? pregunto eu. A primavera É.
28 Xuño 11 ás 11:10
2
Sempre pasa o mesmo. O problema non son tampouco (e hai que dicilo) as "institucións", senón o conxunto dos poderes públicos, entre os que se encontra, nunha clara maioría, a "comunidade". Se unha "comunidade" resiste e impide, coa súa resistencia, o desfacemento das súas estruturas básicas (medios de expresión, espazos para a liberdade, ritos/tempos comunais de vivencia, etc.) ningunha forza reactiva procedente da institución poderá apagar nada. Tamén está clara a situación aquí en Oxidente (por oxidado): a institución "vilipendia" proxectos só co mero feito de "desatendelos" (sabendo a súa dificultade para subsistir), só porque eses proxectos lle son molestos. En fin, resistencia cultural, vital e espiritual en tempos de "indixencia social" xeneralizada.
28 Xuño 11 ás 2:40
3
Así é, Elías, o mundo pega bandazos e nós -conformistas- co cu sentado no asento, mentras todas as formas de resistencia cultural ao capitalismo van afogando, aos poucos, ante a inclemente presencia desa Máquina brutal que arrasa con todo. E sen embargo aínda hai moito polo que loitar e resistir.