Cousas

Os Humildes

HAI moita xente (neste tempo de contemporaneidade) que ten sido esquecida; xente -polo demais- que nunca traizoou a súa propia senda, e que a seguen, esta, con total naturalidade, tal vez con natural indiferenza ante o estourido exterior das alabanzas e das réplicas. Esa xente é do gusto d@s Axóuxeres. Xente coma Manuel Álvarez Torneiro (Coruña, 1932) que sinxelo, modesto e transparente encetou sempre unha verba poética clara e firme; unha verba poética que transmite algo máis do que mera retórica. Unha verba humilde. Dicía Gottfried Brenn, nun dos seus aforismos que: “A poesía moderna (…) é a poesía sen fe, a poesía sen esperanza, a poesía que non se dirixe a ninguén, unha poesía de palabras que van montadas en si mesmas só para fascinar”. Concordamos con isto. Pero, á marxe, no espazo claro da excepción, hai xente coma Torneiro que nos conta cousas, que chegan ao corazón. Que nos interroga, que nos impele a progresar no noso desvelo persoal, que nos fai entender (dende o amor, dende a electroacústica da nosa alma).

ROL DE ESCUROS

Recordade a eses outros, incesantes,
construíndo a paisaxe,
ou liberados nun discreto ritmo
polas pedras da vida ensombrecida,
por longos arrabaldos ou nos trens
das viaxes máis tristes.

Recordade ós que nunca se achegan cun argazo
de evidente derrota: libélulas de loito
nas mans, copias do horror,
nin fan xuntanza alí nun sol caído,
nin incordian, nin inventan desgracias
na baixamar da vida. E son, seguen de pé
nalgunha parte
coma vivos e enteiros.

Pensade nos inscritos na causa dos que perden
e levan un narciso á altura da caída.
Nos da arenga no alto do penedo.
Os que negan Inferno e Paraíso.
Areeiros que asubían
vendo vi-las tormentas.

E naqueles que escriben subornados
por unha luz azul acetileno,
por unha queimadura vixiante.
Pensade nos anónimos dun trópico perdido,
nos que renegan fronte os grandes pórticos
e venden polas feiras cousas que dan sosego:
novísimo cannabis en tarros que antes foron
de olivas e manteiga.

Pensade nos que chegan no nome da utopía,
nos do plano catártico ó final do relato,
nos de tanto milenio de candil e cantiga.
Nas glorias máis inútiles.

E naqueles mandados á fogueira
en nome do decoro
e da normal circulación dos días.

de Habitante Único (1997)

Deixa un comentario

Os campos marcados cun * son necesarios