Cousas

Voces da Chinantla

A través deste documental (Voces da Chinantla, de Anna Paula de Teresa, da «Universidad Metropolitana de México») chega unha reflexión sobre a desestruturación das culturas tradicionais; sobre como a substitución das regras propias dun lugar (dun ecosistema, dunha comunidade, regras que agroman dunha con-naturalidade) en base a criterios alleos a esa forma de realidade, destrúe procesos de desenvolvemento armónico. A través del cabe preguntarse se aquí, en Galiza, que como en tantos outros lugares vimos sufrindo este expolio dende hai moitas décadas, existe aínda a posibilidade de retomar o vínculo antigo coa terra e daí, esteados nesa esencia (que é cultura, que é relacións entre as persoas, as plantas, os animais, os espíritos que nos albergan a nós, humanos), desenvolver ese ser na súa potencia. Podemos encontrar camiño desde aí? En calquera caso parece que o da substitución (en tanto imposición dun sistema alleo -a esa esencia- de relacións co mundo) é un camiño que só conduce, en calquera lugar, á perda de sentido, ao baleiro; e non a ese baleiro fértil, a esa nada limpa e creativa onde todo é posíbel, senón a aqueloutro escindido do «real» (foráneo), aséptico, onde ningún pulso vital cabe.

Deixa un comentario

Os campos marcados cun * son necesarios