Cousas

Santa Xema 2.0

«UN DESALOXO, outra okupación», así é a consigna que parece escoitarse detrás da nova okupación realizada fai uns días na Coruña. Un grupo de activistas iniciaron este proceso de okupación fai xa un tempo e concluírono finalmente abrindo o espazo ao público: liberándoo das gadoupas d@s especuladores. O novo centro social okupado é unha finca de 7.000 m2 cunha vivenda de 3.500 m2, que antigamente pertencera ás «Oblatas do Santísimo Redentor». Naturalmente, con ese nome, non pode aludir senón a unha escola de monxas ou algo semellante. O espazo era chamado Santa Xema. Hoxe abreuse un novo espazo, case a Santa Xema 2.0, pero para polo en contexto co poder convocador da multitude. Para abrilo ao poder creador das forzas sociais innúmeras. Podedes ver imaxes do novo centro aquí. Un relato de Galizalivre dunha visita ao novo centro social okupado, aquí. @s activistas que procesaron esa okupación deixaron dous comunicados, estos días pasados, que vos transcribimos:

PRIMEIRO COMUNICADO:
NOVO INTENTO DE OKUPACIÓN NA CORUÑA‏.

Desde comezos desta semana, un grupo de activistas sociais da cidade da Coruña habita un espazo ás aforas do núcleo urbano. Trátase dun antigo Centro de Menores ubicado moi preto do coñecido Centro Comercial Alcampo. Conta con unha finca duns 7000m cadrados e un edificio que supera os 3500.

O proceso de okupación, aínda que nunha fase moi primaria, pretende converterse en referencia social da loita anticapitalista, contra a especulación inmobiliaria, pola cultura libre e os espazos liberados, e nace co ánimo de dotar aos movementos sociais galegos dunha nova experiencia e posibilidade de okupación, dando un paso cualitativo no avance deste recente movemento que se vén asentando na Galiza nestes últimos catro anos.

Pregamos que a cidadanía consciente estea pendente da novidades que poidan xurdir a partir deste momento, do mesmo xeito que convidamos a intervir no proxecto, desde dinámicas asemblearias e horizontais.

Sen máis. Unha forte aperta

Saúde

PD: Este non é máis que o inicio dunha serie de novas que irán xurdindo nos vindeiros días.



2º COMUNICADO DESDE AS OBLATAS.‏

@s activistas que resisten no espazo okupado das Oblatas continúan rexenerando o espazo para próximas actividades.

Durante as últimas horas axentes da Brigada de Información merodearon arredor do edificio, dentro da finca. Posteriormente unha patrulla da policía nacional identificou a dúas das integrantes da asamblea.

A propiedade corresponde a Novacaixagalicia, sendo este un lugar que deixa morrer coa fin de incrementar as súas ganancias cunha actividade especulativa. Nestes tempos nos que as situacións de precariedade se agudizan mentres a gran banca se enriquece á nosa costa, entendemos a acción directa contra os seus intereses coma propia e lexítima da loita anticapitalista.

Este novo espazo trátase, deste xeito, dun espazo sen ánimo de lucro ao que pretendemos dar vida non deixándoo morrer en beneficio duns poucos. Un espazo á marxe do sistema onde poidamos desenrolar dinámicas para autoxestionar as nosas vidas, como a creación de hortas na finca que rodea o edificio; así como obradoiros, charlas e concertos proporcionando actividades fóra das dinámicas do capitalismo. A iniciativa non é máis que outra ferramenta coa que fortalecemos os movementos sociais galegos creando e liberando un novo espazo.

Trátase así dun proxecto aberto a iniciativas populares á marxe de institucións, partidos e sindicatos. Un proxecto no que animamos a participar e colaborar desde os seus inicios co fin de construílo entre tod@s.

Deste xeito defendemos a okupación coma alternativa á crise económica e social; e a autonomía e a autoxestión coma recursos desde os que construír novos xeitos de vida afastados da lóxica capitalista.


Ben, dende Axóuxere animámol@s a seguir. E esperamos que ese proxecto aumente e se faga máis forte. Que non caia en mans de «asasinos de utopías», como son banqueir@s, polític@s, e toda esa bichicomada.

«UN DESALOXO, OUTRA OKUPACIÓN»

2 Comentarios

  • Abdulah

    1

    Moitas primaveras e forza para o novo espazo liberado e as persoas que lle dan vida, e que o seu proceso anime a outros grupos na construción creativa dunha nova sociedade.

    • Suleyman

      2

      Tanto por facer... grazas por avanzar no que moitos non nos atrevemos.

Deixa un comentario

Os campos marcados cun * son necesarios