Novidades

Presentación de Formas da Indefinición

Capa Polimnia

NOVO LIBRO na Colección Polimnia / Cadernos de Combate. Neste caso é Formas da Indefinición, un volume de ensaios do pensador galego Ignacio Castro Rey, adicado á análise da cultura contemporánea e ás formas en que unha disidencia sensíbel é posíbel nun tempo tan abafante en contidos e hiperinformacións. Nel, en Ignacio, e neste volume de ensaios, aparece a presenza do tempo do devir acougado do mundo; ese tempo que é paz e sosego para o pensar, para a percepción, para a contemplación. E tamén, claro, para a activación sociocomunitaria dende novas ópticas, non quietas, non estancas. Ópticas que xeren apertura e transformación.

O libro conta con catro ensaios, nos que dende a reflexión sobre a Linguaxe (que é dicíbel, que é indicíbel… que espazo medio aparece entre o dicíbel e o indicíbel), até a visión da contemporaneidade tan presente nas novas arquitecturas (dende as xa coñecidas da Cidade da Cultura até a nova Terminal T4 de Barajas), se nos leva a ir peneirando a pegada dese silencioso paso que, por atrás de todo, acompaña o quecido da natureza, e do tempo terráqueo. O tempo no que as cousas se amoldan a algo perenne e constante. Un tempo para devir-un.

Este libro forma parte da Colección Polimnia que, como xa levamos dicindo dende o inicio, está abera á participación de escritores que non necesariamente teñan obra publicada, pero que si estean nese proceso de indagación que trae o mundo, neste agora inmediato de constantes transformacións a escala planetaria. Queremos, con esta colección, non só iso (pensar o presente) senón inventar formas discursivas que reflexen aspectos do real non demasiado observados, ou observados con demasía pero con pouca claridade. Esta é unha colección aberta, polo tanto, a vós.

Presentaremos este libro (que o tedes xa na Tenda á vosa disposición, e tamén nas librerías, grazas á nosa distribuidora Pragma) a vindeira semana, o día 14 de Decembro, en Santiago de Compostela, na Sala de Conferencias da Fundación Araguaney (na zona nova, en Montero Ríos, 25-47, Galerías). Na mesa estará o autor xunto cun representante da editora (Rafa Xaneiro) e dous amigos que farán a delicia de tod@s nós: Alberto Ruiz de Samaniego (exdirector da Fundación Luis Seoane e interesante escritor), e Alberto Sucasas (ensaísta e profesor de Filosofía). Presentaremos o libro Formas da Indefinición, xunto con outro que Alberto Ruiz de Samaniego editou na Fundación Luis Seoane cando era director: Roxe de Sebes, diario das experiencias de Ignacio Castro nunha cabana da Serra do Courel, durante catro anos de retiro e meditación. Un retiro cuase ascético, no que só a vexetación e a literatura o alimentaban. Buscándose. Meditándose.

Estades convidad@s á presentación.
Será ás 20 horas do serán.

Ver Convite

2 Comentarios

  • Irene Rodriguez Romero

    1

    Felicidades por vuestro proyecto y enhorabuena a Ignacio, un magnífico conocedor de la sensibilidad. Bicos, Irene

    • rafa

      2

      Obrigados, Irene. Certo o que dis de Ignacio; é sempre unha nova viaxe ler os seus textos, unha nova porta. Bicos.

Deixa un comentario

Os campos marcados cun * son necesarios