Novidades

Retallos

   

A MEDIDA que imos traballando nos libros, van xurdindo (así, de xeito imprevisto) unha serie de outras cousas que aparecen como por arte de maxia. Estas outras cousas moitas veces son como aparicións; asuntos, aspectos, cousiñas que agroman do fondo constante do noso facer. E eses aspectos, esas cousiñas están aí coma faíscas do obradoiro do artesán. Moitas veces relegadas a un segundo plano, pero realmente (por todo o esforzo que puxemos nelas) nun primeiro e forte plano para nós, xa que son ideacións ou ocorrencias que sen nunca agardar que elas foran a aparecer, aparecen. É por iso que abrimos unha nova sección dentro do noso web: Retallos. Nela poderedes atopar esas outras cousiñas que imos ir publicando, tanto caderniños como outro tipo de retallos que nacen do obradoiro d@ carpinteir@.

Inicialmente están aí, disponíbeis, tanto para descargar de xeito totalmente libre como para mercar na nosa tenda, dous caderniños de ensaio, feitos por Fausto Alzati (ensaísta mexicano do que temos publicado «Inmanencia Viral», na colección Polimnia) e polo grupo Zoopolitik (membros da Universidade Invisíbel e que están a traballar no proxecto de «escrita colaborativa» chamada Zoopolitik, que nun tempo próximo será publicado como libro: por nós en galego, por El Tangram en catalán e por Melusina en español).

«Britney é inconsciente: iso que non sabemos que sabemos», é un ensaio publicado por Fausto Alzati en México, no libro xenericamente chamado -ao igual que a nosa edición- «Inmanencia Viral» (Tierra Adentro, México DF, 2009). Neste texto fai unha análise trash da figura de Britney Spears, pero non acerca da súa mediática presenza, non… senón sobre o «símbolo» que ela implica, o que ela representa. Pero, alén diso, até que punto nós somos un pouco ela. Dado que, xa o sabemos, neste mundo difícil é manterse aislado do acontecer concurrente de todo o aparato mediático que nos envolve.

Seven Rounds, é un conxunto de textos curtos, escritos a modo de opinión, para o diario El País, na súa sección galega. Feito a petición da redacción deste xornal, e debido ás involucracións directas que o grupo Zoopolitik tivo e ten coa #acampadacoruña, propia do #15M, a idea era (dúas semanas antes das eleccións do 20N) que este grupo de activistas e pensadores falaran dende o seu punto de vista sobre o acontecemento xeral que politicamente se está a dar en España a día de hoxe. Son textos duros, fortes, moi contundentes. Textos que nos dan un golpe no rostro. Necesario, polo demais.

Convidámosvos a que entredes nos textos, os baixedes e (se vos peta) que os merquedes. Teñen un prezo realmente baixo, dous euros, e iso -naturalmente- coa intención de que sexan caderniños lixeiros, rápidos, que cheguen sen custar moito. Pero que permanezan fondo na nosa memoria.

Deixa un comentario

Os campos marcados cun * son necesarios